Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

A lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia

[ Aplicar a esencia da democracia | Unha lei transversal | Marca Galega de Excelencia en Igualdade | A igualdade na negociación colectiva | Integración da igualdade na formación | Prevención de riscos laborais | Bancos de Tempo | Novo órgano de participación | Desenvolvemento Regulamentario]

Desde o 3 maio as traballadoras galegas contan coa Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, un ambicioso texto legal que ten por obxectivo conseguir que teñan as mesmas oportunidades que os seus compañeiros masculinos de forma real e efectiva. A Consellería de Traballo, baixo a dirección de Ricardo Varela, abordou esta normativa en permanente comunicación cos axentes sociais, laborais e económicos da Comunidade Autónoma. O resultado é un texto consensuado no que se tiveron en conta as demandas de asociacións, así como consideracións dos sindicatos e organismos de representación empresarial e que suporá unha operación política que favorecerá o crecemento do noso país.

A nova normativa fundaméntase na toma de conciencia de que a discriminación sufrida polas mulleres é a máis antiga e persistente no tempo, a máis estendida no ámbito territorial, a que máis formas revestiu ao longo da Historia, e a que afecta ao maior número de persoas.

Aplicar a esencia da democracia

A paridade é unha proposta política na que se basean as sociedades democráticas máis avanzadas ao propoñer unha estratexia temporal destinada a distribución de recursos e de poder igualitario entre homes e mulleres. Para o Goberno galego, implantar políticas paritarias significa aplicar a esencia da democracia aos dereitos de cidadanía, porque unha democracia só está lexitimada se os seus homes e as súas mulleres poden exercer plenamente estes dereitos. En definitiva, o compromiso da Consellería de Traballo é o de ampliar os límites da democracia.

A metade da poboación, as mulleres, cada día está máis formada culturalmente, máis cualificada profesionalmente e máis decidida a participar en igualdade nos sectores produtivos. Pero, pola contra, as mulleres sofren prexuízos non cuantificables, por canto están relacionados coas súas responsabilidades fóra do centro de traballo. Nelas recaen na meirande parte dos casos as obrigas familiares que dan lugar ao que se denomina xornada interminable. Asemade, a visión negativa da maternidade deposita sobre as traballadoras unha falsa imaxe de baixa produtividade e absentismo laboral. De aí o teito de cristal que impide na práctica que as traballadoras accedan a postos de responsabilidade e decisión e, polo tanto, de maior retribución e estatus profesional.

Aínda que traballadores e traballadoras son iguais ante a lei en virtude da Constitución, o Goberno galego considera que cando un dereito neutral se enfronta a un estado de desequilibrio social entre os sexos, no que os homes están firmemente asentados nas elites políticas e sociais, este dereito é incapaz de desempeñar unha función de equiparación. Así, o espírito da lei parte de que nin a reprodución humana nin a sustentabilidade da vida corresponden en exclusiva ás mulleres, senón a toda a sociedade.

O obxectivo desta lei é conseguir que as mulleres deixen de sufrir a segregación horizontal, a segregación que consiste en que as traballadoras adoitan ser ocupadas en labores que constitúen prolongacións das tarefas realizadas no ámbito doméstico, nesta ocasión retribuídas, pero cun salario normalmente moi inferior ao correspondente en traballos de igual valor realizados maioritariamente por homes.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia quere actuar contra a segregación vertical, que fai que os homes ocupen os traballos máis cualificados, mellor pagados e con maior significación xerárquica. Trátase de postos cun perfil basicamente masculino que fai que a pirámide de traballo estea ocupada na base maioritariamente por mulleres, mentres que a cúspide é asoballadoramente masculina.

Unha lei transversal

A Lei de Traballo en Igualdade das mulleres de Galicia establece a transversalidade no exercicio nas políticas de emprego e relacións laborais, que exercerá o departamento da Administración autónoma con competencias na área de traballo, coa colaboración co correspondente en materia de igualdade.

A norma desenvolve o concepto de boa fe ocupacional, de tal maneira que non se considerará discriminación a adxudicación de postos a mulleres por razón específica do seu sexo cando a función que vaian desempeñar así o requira. Trátase, por exemplo, dos postos relacionados coa atención a vítimas da violencia de xénero.

O texto lexislativo establece a creación dunha unidade administrativa de Igualdade dentro do departamento autonómico encargado da materia de Traballo. Este departamento traballará da man co organismo da Xunta con competencias en Igualdade e terá funcións de asesoramento en materia de xénero, coa finalidade de impulsar a participación equilibrada de mulleres e homes nos postos de traballo, así como no deseño de formación en materia de igualdade. Tamén se encargará do asesoramento ás empresas, da revisión de convenios colectivos e de elaborar vixiancia e ditames sobre o cumprimento da lei.

Marca Galega de Excelencia en Igualdade

Para a lograr a implicación das empresas, a Lei do Traballo en Igualdade regulará os plans de igualdade que se artellen nelas, así como a súa responsabilidade social. Asemade, crea a Marca Galega de Excelencia en Igualdade. Os plans de igualdade serán de obrigado cumprimento para organismos autónomos e entidades públicas empresariais con participación da Comunidade Autónoma de Galicia. Serán voluntarios para as demais empresas, pero contarán co apoio económico e técnico a través dunha convocatoria anual da Xunta.

A concesión a unha empresa da Marca Galega de Excelencia en Igualdade virá determinada polos balances que a entidade presente á Administración autonómica sobre os parámetros de igualdade existentes na súa organización. Da concesión desta marca derivaranse dereitos e facultades relativos á súa utilización comercial, así como a consideración dos gastos destinados á implantación de plans de igualdade, subvención das cotizacións sociais por accidentes e enfermidades laborais e preferencia na adxudicación de contratos da Comunidade Autónoma.

Neste proceso, a Xunta de Galicia toma en consideración de xeito especial ás cooperativas, porque os principios deste tipo de sociedades as fan especialmente eficaces na procura de máis niveis de igualdade. Por iso a Xunta remitirá ao Parlamento un proxecto de lei para modificar a Lei de Cooperativas de Galicia, coa finalidade de que atenda ás novas necesidades do eido do cooperativismo e reforze o principio de igualdade e non discriminación por mor de sexo.

A igualdade na negociación colectiva

Tendo en conta que as relacións laborais en Galicia entraron nunha nova etapa, caracterizada pola inclusión dos dereitos fundamentais que van a ser amparados pola Lei do Traballo en Igualdade, neste novo escenario unha peza fundamental é a negociación colectiva.

O novo texto lexislativo elaborado pola Consellería de Traballo inclúe a creación da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva. Será un órgano de asersoramento, control e promoción da igualdade, adscrito ao Consello Galego de Relacións Laborais. Terá competencias na redacción e aplicación de cláusulas que promovan a igualdade.

En virtude da lei, impulsarase ademais un acordo marco interprofesional de ámbito autonómico sobre a igualdade de oportunidade entre mulleres e homes. Nese senso, o concepto tradicional segundo o que a igualdade e a eficiencia económica se exclúen mutuamente está obsoleto. O empresariado galego non pode nin quere anquilosarse no pasado e, por iso, implica a asunción da igualdade como parte sustancial das políticas empresariais.

Integración da igualdade na formación

A normativa establece, por outra parte, a integración do concepto de igualdade nas políticas activas de emprego e na formación profesional. Como consecuencia, en calquera actividade formativa poderán implantarse medidas de acción positiva, e serán incorporados contidos obrigatorios sobre igualdade de oportunidades e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, con profesorado especializado.

Do mesmo xeito, as axencias de colocación velarán pola apliación do principio de igualdade no acceso ao mercado laboral. Asemade, promoverase a incorporación de actividades feminizadas e realizadas sen remuneración á lista de cualificacións profesionais.

Prevención de riscos laborais

A lei conta cun apartado específico sobre a integración de igualdade na política preventiva de riscos laborais. Así, promove a realización de estudos para obter datos desagregados por sexo no ámbito da saúde laboral. Establece formación específica sobre saúde laboral e prevención de riscos desde a perspectiva de xénero, así como a adaptación de equipos de protección, circunstancias do posto de traballo e condicións da súa execución aos diversos condicionantes de xénero.

Asemade, fixaranse medidas para combater en orixe os riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente ao embarazo, o parto e a lactación natural, e realizaranse actuacións en materia de prevención de riscos laborais sobre sectores laborais feminizados.

Bancos de Tempo

Un dos aspectos máis innovadores da lei é o regulamento dos Bancos Municipais de Tempo e os Plans de Programación do Tempo da Cidade, medidas que xestionarán os concellos, coa colaboración da Xunta de Galicia. A súa función será contribuír á mellora da conciliación de vida familiar e laboral, e nutriranse de redes comunitarias de apoio á conciliación ou, en casos excepcionais, a través de persoal municipal ou contratado para o efecto. Neste aspecto, será un obxectivo prioritario facilitar o descanso de quen coida persoas dependentes.

Os Plans de Programación de Tempo pretenden, mediante a coordinación dunha persoa responsable e unha mesa de concertación, con ampla participación de actores sociais, coordinar os horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía.

Novo órgano de participación

O Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais será un órgano de participación mediante unha canle de libre adhesión das asociacións de mulleres, no que se integrarán as secretarías de Muller dos sindicatos e da Confederación de Empresarios e Empresarias de Galicia. Tamén incluirá representación do departamento da Administración autonómica con competencias en Igualdade.

Por último, a Lei do Traballo en Igualdade leva a cabo unha importante reforma no ordenamento xurídico para adaptar as normas autonómicas vixentes ao marco que introduce e, en concreto, as normas sobre igualdade, función pública, sociedades cooperativas, a regulación da Xunta e do seu presidente, e sobre a actuación en materia de persoal e contratación nas empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

En definitiva, a igualdade entre homes e mulleres constitúe a savia do proxecto do Goberno de Galicia, e esta lei é o instrumento máis potente cara o cumprimento do mandato constitucional que obriga aos poderes públicos a consecución da Igualdade Material.



Desenvolvemento Regulamentario

A lei de igualdade ten dous decretos que a desenvolven, publicados no DOG de 29 de agosto de 2008. O decreto sobre as medidas municipais de conciliación inclúe regulación sobre a figura dos Bancos de Tempo