Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Inicio > Portada > Consellería > Recursos > Axudas e subvencións

Axuda

Programa de promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil (TR341J)

Prazo Presentación: O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo rematará o 2 de outubro de 2017. - Data Fin Prazo: 02/10/17
  • Data publicación
    04/08/17
  • Corpo

    Obxecto

    Promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que, pretendan desenvolver  a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas  ou por conta propia.

    Subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.

    Persoas beneficiarias

    1.- As persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:

    • Estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
    • Ter solicitada a alta como persoa traballadora autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional con anterioridade á presentación da solicitude.
    • Non ter traballado no día  anterior á data de inicio da actividade.
    • Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional  entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017.
    • Non percibisen subvencións ao abeiro do Programa de promoción do emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
    • Non desenvolvesen como persoas  traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

    2.- As persoas traballadoras autónomas  ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación,  sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

    Quedan excluídos deste programa, os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades  laborais e os autónomos colaboradores.



    Tipos de axuda

    A- Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.

    1. Co obxecto  de facilitarlles ingresos durante o inicio da actividade e posta en marcha da iniciativa empresarial ou profesional, unha subvención polo seu establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
    2. A contía desta subvención será de 4.000 euros para desempregados en xeral.

    Esta contía base incrementarase nun 25% nos seguintes casos:

    1. Se a persoa incorporada é unha muller.
    2. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en risco de exclusión social.
    3. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar na que todos os seus membros están desempregados.
    4. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

    Deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos será de 8.000 euros.

    Procedemento de concesión

    O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención  non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

    A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2017  estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, unha vez feita unha distribución provincial do crédito en función da taxa de desemprego segundo os datos do paro rexistrado no Servizo Público de Emprego a nivel provincial a 31 de decembro de 2016.

    Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos na orde.


    Prazo de solicitudes

    • O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo  finalizará o 2 de outubro de 2017.
    • Serán subvencionables as altas no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade profesional desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017.


    Orde de convocatoria

    Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro), convocatoria do ano 2017  (DOG nº 148 do 4 de agosto de 2017)

  • Estado:
    En prazo

Ligazóns relacionadas