Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Consello Galego de Cooperativas

QUE É O CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS?

   O Consello Galego de Cooperativas é o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e órgano consultivo e asesor das administracións públicas galegas naqueles temas que afecten ao cooperativismo.

   É un órgano colexiado no que participan as diferentes administracións, institucións e organizacións cooperativistas, interesadas no fomento global do cooperativismo. Converteuse nun nexo de unión entre as propias cooperativas e os organismos públicos, logrando, desta maneira, unha comunicación permanente e fluída entre ambas partes.

  Está adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que lle asignará o persoal funcionario e os recursos económicos suficientes para o seu funcionamento.

CALES SON AS SÚAS FUNCIÓNS?

Son funcións propias do Consello Galego de Cooperativas:

  • Facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo, prestando un especial interese polos programas da Unión Europea, así como promover a educación e formación cooperativa.
  • Elaborar propostas, ditames e informes en relación coas cuestións que afecten ao cooperativismo.
  • Realizar estudos e impulsar as accións encamiñadas a facilitar a intercooperación.  
  • Emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos de disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou as súas organizacións, así como procurar a súa difusión.
  • Contribuír ao perfeccionamento do réxime legal e institucional do ordenamento socioeconómico da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Conciliar e exercer a arbitraxe nas cuestión litixiosas que se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas entre os seus socios, cando ambas as dúas partes o soliciten ou ben estean obrigadas a iso en razón ó establecido nos seus estatutos.
  • Promover a educación e formación cooperativa nos distintos niveis do sistema educativo xeral.
  • Exercer todas as accións que resulten necesarias para percibir os fondos irrepartibles, así como o remanente do haber líquido social das cooperativas.
  • Percibir, planificar e xestionar mediante un programa específico os fondos de formación e promoción nos supostos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.
  • As demais funcións que lle atribúa a Lei de cooperativas de Galicia e as súas normas de desenvolvemento.


CAL É A SÚA COMPOSICIÓN?

O Consello Galego de Cooperativas estará integrado por:

  1. A presidencia, que será ocupada pola persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
  2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.
  3. Unha persoa representante por cada unha das seguintes consellerías:
    • Consellería de Medio Rural.
    • Consellería do Mar.
    • Consellería de Política Social.
    • Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
  4. Unha persoa representante dos concellos de Galicia.
  5. Unha persoa representante das universidades galegas.
  6. Sete persoas representantes das cooperativas galegas.
  7. Unha persoa representante das cooperativas de crédito galegas.

Unha das persoas representantes das cooperativas ocupará a vicepresidencia.

O consello tamén contará cunha secretaría, que actuará con voz pero sen voto.

O consello poderá convocar ás reunións dos seus órganos a calquera persoa ou entidade que poida colaborar na consecución dos seus obxectivos, que asistirán con voz pero sen voto.

ONDE SE REGULA?

Na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e no Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información pode dirixirse a:

Consello Galego de Cooperativas
Consellería de Economía, Emprego e Industria
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 2º
15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf.: 881 999 268
consellogalegodecooperativas@xunta.gal