Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Organigrama

Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral

Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral
  • Descrición

    Extracto do decreto de estrutura

    Sección 1ª. Atribucións e estrutura

    Artigo 48. Atribucións

    Á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, baixo a dirección e dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e formación ocupacional e, nomeadamente, as seguintes funcións:

    a) O deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, na Estratexia española de activación para o emprego, a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.

    b) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

    c) O exercicio das competencias para o reforzo da capacidade de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, a súa modernización, infraestrutura, recursos humanos e materiais e soporte técnico.

    d) A coordinación participación das entidades colaboradoras, con e sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público privada.

    e) A programación, o seguimento, o control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

    f) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros de formación, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica

    g) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

    h) As que correspondan á Consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

    i) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados, así como a certificación dos profesionais que os utilizan, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

    j) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia competencia da dirección xeral.

    k) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

    l) Expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

    m) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que lle corresponden a outras administracións competentes.

    n) Desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.

    o) A xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.

    Artigo 49. Estrutura

    Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral contará cos seguintes órganos e unidades administrativas:

    1. Subdirección Xeral de Orientación Laboral:

    1.1. Servizo de Orientación Laboral.

    1.2. Servizo de Intermediación.

    1.3. Servizo de Programas Mixtos.

    2. Subdirección Xeral de Promoción Laboral:

    2.1. Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

    2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

    3. Subdirección Xeral das Cualificacións:

    3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

    3.2. Servizo de Observatorio do Emprego.

    4. Centro de Novas Tecnoloxías.

    5. Servizo de Verificación de Fondos.

  • Directorio
    Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral
  • Organismos Dependientes
    Subdirección Xeral de Emprego
    Subdirección Xeral de Formación para o Emprego
    Subdirección Xeral das cualificacións
    Centro de Novas Tecnoloxías
    Servizo de Verificación de Fondos