Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Inicio > Portada > Temas > Relacións Laborais > Empresas de traballo temporal

Empresas de Traballo Temporal

TRAMITACIÓN EXCLUSIVAMENTE TELEMÁTICA: O Real decreto 417/2015, do 29 de maio, polo que se aproba o regulamento das empresas de traballo temporal, establece a obriga da realización de todos os tramites por medios electrónicos. Para isto, creouse a aplicación informática SIGEtt (Sistema Integral de Gestión de Empresas de Traballo Temporal):

Sistema Integral de Gestión de Empresas de Traballo Temporal
Sistema Integral de Gestión de Empresas de Traballo Temporal

Denomínase empresa de traballo temporal a aquela cuxa actividade fundamental consiste en poñer a disposición doutra empresa usuaria, con carácter temporal, persoas traballadoras por ela contratadas. A contratación de persoas traballadoras para cedelas temporalmente a outra empresa só poderá efectuarse a través de empresas de traballo temporal debidamente autorizadas.

As empresas de traballo temporal poderán, ademais, actuar como axencias colocación cando cumpran os requisitos establecidos na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de Emprego, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán desenvolver actividades de formación para a cualificación profesional conforme á normativa específica de aplicación, así como de asesoramento e consultaría de recursos humanos.

Na súa relación tanto coas persoas traballadoras coma coas empresas clientes as empresas de traballo temporal deberán informar expresamente e en cada caso se a súa actuación o é na condición de empresa de traballo temporal ou no exercicio de calquera outra das actividades permitidas.

AUTORIZACIÓN DE EMPRESAS DE TRABALLO TEMPORAL

As persoas físicas ou xurídicas que pretendan realizar a actividade de empresa de traballo temporal deberán obter autorización administrativa previa da autoridade laboral competente.

Requisitos que teñen que cumprir para poder obter a autorización:

  • Dispoñer dunha estrutura organizativa que lle permita cumprir as obrigas que asume como empregador en relación co obxecto social.

Para os efectos de apreciar o cumprimento do requisito relativo á estrutura organizativa, valorarase a adecuación e suficiencia dos elementos da empresa para desenvolver a actividade obxecto desta, particularmente no que se refire á selección das persoas traballadoras, a súa formación e as restantes obrigas laborais. Para esta valoración terase en conta factores tales como a dimensión e equipamento dos centros de traballo; o número, dedicación, cualificación profesional e estabilidade no emprego das persoas traballadoras contratadas para prestar servizos baixo a dirección da empresa de traballo temporal; e, o sistema organizativo e os procesos tecnolóxicos utilizados para a selección e formación das persoas traballadoras contratadas para a súa posta a disposición en empresas usuarias.

En todo caso, a empresa de traballo temporal deberá contar cun número mínimo de doce persoas traballadoras contratadas para prestar servizos baixo a súa dirección con contratos de duración indefinida, a tempo completo ou parcial, por cada mil persoas traballadoras contratadas no ano inmediatamente anterior, computadas tendo en conta o número de días totais de posta a disposición do conxunto das persoas traballadoras cedidas, dividida por trescentos sesenta e cinco, ou, cando o número de persoas traballadoras cedidas, computados conforme á regra anterior, sexa superior a cinco mil, polo menos sesenta persoas traballadoras. Este requisito mínimo deberá manterse durante todo o tempo de actividade da empresa de traballo temporal, adaptándoo anualmente á evolución do número de contratos xestionados.

Sen prexuízo do indicado, para poder iniciar a actividade de posta a disposición de persoas traballadoras, a empresa deberá contar polo menos con tres persoas traballadoras con contrato de duración indefinida, a tempo completo ou parcial, mínimo que deberá manter durante o tempo de actividade.
 

  • Dedicarse exclusivamente á actividade constitutiva de empresa de traballo temporal, sen prexuízo do establecido no artigo 1 da Lei 14/1994, da 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal.
  • Encontrarse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
     
  • Garantir o cumprimento das obrigas salariais, indemnizatorias e para a Seguridade Social..
    Para iso, as empresas de traballo temporal deberán constituír unha garantía, a disposición da autoridade laboral que conceda a autorización administrativa, que responderá das débedas por indemnizacións, salariais e de Seguridade Social.
    A garantía poderá consistir en: 
    • a. Depósito en diñeiro efectivo ou en valores públicos na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais.
    • b. Aval ou fianza de carácter solidario prestado por un Banco, Caixa de Aforros, Cooperativa de Crédito, Sociedade de Garantía Recíproca ou mediante póliza de seguros contratada para o efecto.

Importe da garantía:
Para obter a autorización e durante o primeiro ano de actividade, a garantía debe alcanzar un importe igual a vinte e cinco veces o salario mínimo interprofesional vixente nese momento, en cómputo anual.
Nos anos subseguintes, deberá alcanzar un importe igual ao 10% da masa salarial do exercicio económico inmediato anterior, sen que en ningún caso, o devandito importe poida ser inferior ao importe da garantía esixido para o primeiro ano de actividade, tomando en consideración a contía do salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

Comunicación á Autoridade Laboral:
A empresa de traballo temporal deberá acreditar documentalmente á autoridade laboral que concedeu a autorización administrativa a actualización da garantía.
Prazo de comunicación: Dentro dos 3 primeiros meses de cada ano natural.

  • Non ter sido sancionada con suspensión de actividade en dous ou máis ocasións.
  • Incluír na súa denominación os termos "empresa de traballo temporal" ou a súa abreviatura "E.T.T."

VALIDEZ DA AUTORIZACIÓN

A autorización será única, terá eficacia en todo o territorio nacional e concederase sen límite de duración.

A autorización expirará cando se deixe de realizar a actividade durante un ano ininterrompido.

A empresa de traballo temporal estará obrigada a manter unha estrutura organizativa que responda á actividade efectivamente desenvolvida así como a actualizar anualmente a garantía financeira. Se, como consecuencia da vixilancia do cumprimento da normativa laboral, a autoridade laboral que concedeu a autorización apreciase o incumprimento dalgunha destas obrigas, procederá a inicial de oficio o oportuno procedemento de extinción da autorización.

RESOLUCIÓN

Prazo de resolución: 1 mes.

Silencio: Positivo. Transcorrido o prazo de resolución sen que recaia resolución expresa a solicitude entenderase estimada

AUTORIDADE LABORAL COMPETENTE

Se no momento da solicitude a empresa dispón de centros de traballo soamente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia: Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Ecomomía, Emprego e Industria

Se no momento da solicitude a empresa dispón de centros de traballo en dúas ou máis Comunidades Autónomas: Dirección Xeral de Emprego do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

CONTRATOS DE POSTA A DISPOSICIÓN

O contrato de posta a disposición é o celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria tendo por obxecto a cesión da persoa traballadora para prestar servizos na empresa usuaria.

Comunicación á Autoridade Laboral:

A empresa de traballo temporal deberá remitir á autoridade laboral que concedeu a autorización administrativa e no modelo que figura a continuación, unha relación dos contratos de posta a disposición celebrados no mes anterior.

Prazo de comunicación: Dentro dos 10 primeiros días de cada mes

A devandita comunicación remitirase igualmente en caso de que a empresa non formalizase contratos de posta a disposición, facendo constar tal circunstancia.


OBRIGA DE INFORMACIÓN Á AUTORIDADE LABORAL

Ademais da comunicación dos contratos de posta a disposición celebrados, a empresa de traballo temporal tamén deberá informar a autoridade laboral que concedeu a autorización administrativa sobre:

  • Os cambios de titularidade e de domicilio social da empresa.
  • O cambio das persoas que ocupen cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, indicando os seus datos identificativos.
  • A apertura de novos centros de traballo.
  • O peche de centros de traballo.
  • O cese na actividade como empresa de traballo temporal.
  • A masa salarial do exercicio anterior.


DOCUMENTACIÓN


AUTORIZACIÓN PARA O INICIO DE ACTIVIDADE COMO E.T.T.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, no caso de non autorizar a súa consulta.
b) Poder abondo en dereito, si o solicitante actúa en representación dunha persoa xurídica.
c) Copia autentica das escrituras públicas de constitución da sociedade e os estatutos desta.
d) Xustificación do pagado de taxas por inscrición en rexistro oficial.
e) Certificación acreditativa da inscrición do empresario individual ou das persoas xurídicas, calquera que sexa a forma que estas revistan, no Rexistro Mercantil ou no correspondente Rexistro de Cooperativas
f) Documentación acreditativa da inscrición dos centros de traballo na Seguridade Social.
g) Documentación acreditativa de estar o corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, no caso de non autorizar a súa consulta
h) Documentación acreditativa de ter constituído a garantía financeira a que se refire o artigo 3 da Lei 14/1994, do 1 de xuño.
i) Memoria-proxecto da estrutura organizativa da empresa, detallada por centros de traballo.

 

ONDE ACUDIR

Consellería de Economía, Emprego e Industria
Secretaría Xeral de Emprego
Subdirección Xeral de Relacións Laborais
Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela
Tel.: 981 545 743
Fax: 981 957 751
 

REGISTRO DE EMPRESAS DE TRABAJO TEMPORAL