Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Inicio > Portada > Temas > Seguridade e Saúde Laboral > Exención de auditorías

Exención de auditorías

O artigo 29.2 do Regulamento dos servizos de prevención establece que, as empresas que non tivesen concertado o servizo de prevención cunha entidade especializada, deberán someter o seu sistema de prevención ao control dunha auditoría ou avaliación externa.

Así mesmo, as empresas que desenvolvan as actividades preventivas con recursos propios e alleos deberán someter o seu sistema de prevención ao control dunha auditoría ou avaliación externa nos termos previstos no artigo 31 bis do devandito Regulamento.

Por outro lado, no seu artigo 29.3 indica que, as empresas que reúnan certas condicións, se considera que cumpriron a obriga da auditoría, cando cubran e remitan á autoridade laboral unha notificación sobre a concorrencia das condicións que se expoñen a continuación que non fan necesario acudir á auditoría.

As condicións e requisitos que eximirían ás empresas de recorrer á devandita auditoría son as seguintes:

  1. Que se trate dunha empresa que teña ata 50 traballadores.
  2. Que as actividades desenvolvidas pola empresa non estean incluídas no Anexo I do Real Decreto 39/1997.
  3. Que desenvolvan as actividades preventivas con recursos propios, é dicir, que o empresario/a opte por unha destas modalidades preventivas:
    1. Asunción persoal do empresario da actividade preventiva (se a empresa ten ata 10 traballadores/as, cun ou máis centros de traballo; ou se a empresa ten ata 25 traballadores/as cun só centro de traballo) en cuxo caso o empresario/a:
      • Debe desenvolver de forma habitual a súa actividade profesional no centro de traballo.
      • Debe ter a capacidade correspondente ás funcións preventivas que vai desenvolver, de acordo co establecido no Capítulo VI do Real decreto 39/1997 (Formación en prevención de riscos laborais).
      • Debe facer unha declaración expresa indicando que asume persoalmente a prevención e que cumpre cada un dos requisitos do artigo 11 do Real decreto 39/1997 .
    2. Designación dun ou varios traballadores/as para ocuparse da actividade preventiva (se a empresa ten ata 50 traballadores/as), en cuxo caso:
      • O traballador/a ou traballadores/as deben ter a capacidade correspondente ás funcións preventivas que van desenvolver, de acordo co establecido no nos artigos 12 e 13, en relación co Capítulo VI (Formación en prevención de riscos laborais) do Real decreto 39/1997.
      • O número de traballadores/as designados/as, así como os medios que o empresario poña á súa disposición e o tempo de que dispoñan para o desempeño da súa actividade, deberán ser os necesarios para desenvolver axeitadamente as súas funcións.
      • A designación debe facerse por escrito no que conste a conformidade da persoa ou persoas designadas.
    3. Servizo de prevención mancomunado (se a empresa ten ata 50 traballadores) en cuxo caso:
      • O servizo de prevención mancomunado debe cumprir o establecido no artigo 21 do RD 39/1997
  4. Que a eficacia do sistema preventivo resulte evidente sen necesidade de recorrer á auditoría polo limitado número de traballadores e a escasa complexidade das actividades preventivas.
  5. Que se cubra e se remita á Secretaría Xeral de Emprego a correspondente notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer a realización dunha auditoría , segundo o modelo establecido na Orde do 6 de novembro de 2013 , publicada no Diario Oficial de Galicia número 217 do 13 de novembro de 2013.