Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Inicio > Portada > Consellería > Histórico de axudas

Axuda

Axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a realización de servizos de interese xeral e social (TR352A)

Prazo Presentación: Un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro - Data Fin Prazo: 27/06/13
  • Data publicación
    27/05/13
  • Corpo

    Obxecto

    O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención da contratación persoas traballadoras desempregadas e de mulleres vítimas de violencia, para a realización de servizos de interese xeral e social, coa finalidade de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa posterior inserción laboral.

    As axudas concedidas ao abeiro desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.


    Entidades beneficiarias

    1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, estando debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais á data de publicación da presente convocatoria, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    2. Para ser beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

    a)Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
    b)Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

    3. Para os efectos do disposto no apartado b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos dúas das seguintes circunstancias:

    a)Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sé social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
    b)Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
    c)Que houberan tido contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador/a nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

    Beneficiarios

    Os traballadores e as traballadoras que sexan contratados/as para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

    Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que no momento do inicio da relación laboral, o demandante estea inscrito na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego.

    Os traballadores e traballadoras que foran contratados, por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas ao abeiro das ordes da Consellería de Traballo e Benestar do 28 e 29 de febreiro; e de 27 de setembro de 2012 de convocatoria, respectivamente, dos programas de cooperación en colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/-as, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio (DOG nº 50 e 188, do 12 de marzo e 2 de outubro de 2012, respectivamente), non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde.
     
    Axudas

    A contía da subvención que percibirán  as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme á seguinte escala:

    •    Para o grupo de cotización   1:    2.175 €.
    •    Para o grupo de cotización   2:    1.963 €.
    •    Para o grupo de cotización   3:    1.935 €.
    •    Para o grupo de cotización   4:    1.875 €.     
    •    Para o grupo de cotización   5:    1.756 €.
    •    Para o grupo de cotización   6:    1.732 €.
    •    Para o grupo de cotización   7:    1.637 €.
    •    Para o grupo de cotización   8:    1.576 €.
    •    Para o grupo de cotización   9:    1.512 €.
    •    Para o grupo de cotización 10:    1.488 €.
    A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

    A efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e pluses  extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

    Solicitudes

    A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010  polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
    O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.


    Orde de convocatoria

    Orde do 20 de maio de 2013, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2013.
     

  • Estado:
    Histórico