Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Convocatorias

Explicación do procedemento

Reconocimiento Experiencia Profesional

Procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral 

Este procedemento vailles ofrecer unha oportunidade ás persoas non vinculadas aos sistemas educativos, que aprenderon a través da práctica profesional ou a través de cursos non “oficiais”, para que poidan demostrar os seus coñecementos e capacidades, mediante un proceso de asesoramento e avaliación, no que se comprobará a súa competencia profesional en relación coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

No caso de que superen esta avaliación, poderán obter unha acreditación oficial, con validez nacional, que terá os correspondentes efectos profesionais e/ou académicos. Expedirase unha acreditación parcial acumulable por cada unha das unidades de competencia superadas, que poderán ser validadas polos correspondentes módulos da formación profesional para o emprego (desempregados e ocupados) ou polos correspondentes módulos da FP inicial, podendo chegar a obter un certificado de profesionalidade nunha ocupación ou parte dun título de técnico ou técnico superior de FP.

Información sobre o procedemento

Existirá un servizo de información e orientación aberto e permanente, que lles proporcionará información e orientacións xerais a todas as persoas interesadas sobre o procedemento: fases, requisitos, documentación, calendarios, sedes, etc.

Esta información e orientación xeral será proporcionada por orientadores e persoal técnico de centros das consellerías de Traballo e Benestar  e Educación e Ordenación Universitaria , a través dunha rede de centros ou puntos de información.

Tamén haberá cuestionarios de avaliación, dispoñibles en liña, co fin de lles axudar ás persoas a tomar unha decisión sobre a súa participación no procedemento.

Solicitudes e inscrición

As solicitudes para participar no procedemento poderanse presentar a partir do día seguinte á publicación no DOG da orde que regula o procedemento para Galicia e establece a convocatoria para este ano.

A solicitude poderase xerar nesta páxina para ser cuberta en liña. Logo deberase imprimir para entregar, xunto co resto da documentación xustificativa da experiencia e/ou formación, na forma, prazo (30 días naturais) e lugares que se indicarán na orde de convocatoria.

As listaxes provisionais e definitivas de persoas inscritas, admitidas e excluídas, publicaranse nas páxinas web da consellerías de Traballo e Benestar  e Educación e Ordenación Universitaria, unha vez finalizado o prazo de inscrición, e dentro do calendario indicado na orde de convocatoria.

Como o número de prazas que se convocan é limitado, de existir maior número de persoas que cumpren os requisitos establecidos que número de prazas convocadas, aplicaranse os criterios de selección segundo o baremo que se establecerá como anexo na orde de convocatoria. En tal caso, publicaríase a relación de admitidos coa correspondente baremación.

Os candidatos seleccionados estarán en disposición de pasar á fase de asesoramento. O resto de persoas quedarán en situación de reserva para cubrir os abandonos e renuncias que se produzan, segundo a orde de puntuación que acadasen.

 Desenvolvemento do procedemento:

O procedemento desenvolverase en tres fases :

1ª) Fase de asesoramento, co fin de axudar a autoavaliar a competencia de cada persoa e a completar o historial profesional e/ou formativo.

2ª) Fase de avaliación, co fin de comprobar esa competencia mediante distintos métodos e actividades de avaliación.

3ª) Fase de acreditación, co fin de recoñecer, mediante un documento oficial, a competencia profesional das persoas.

 

1.- FASE DE ASESORAMENTO

É obrigatoria. Realizaranse, con carácter xeral, dúas sesións de asesoramento, unha grupal e polo menos unha individual.

1ª) Sesión grupal: será para informar sobre o proceso concreto de asesoramento, avaliación e acreditación e sobre os principais contidos das unidades de competencia correspondentes. Así mesmo, entregaráselle e explicaráselle ao candidato toda a documentación que deberá cubrir e completar nesta fase.

2º) Entrevista individual: terá como obxectivo axudarlle ao candidato a completar o cuestionario de autoavaliación e o seu historial profesional e formativo, co fin de que o candidato coñeza as competencias e aprendizaxes que adquiriu ao longo da súa vida.

Actuará como asesor/a unha persoa experta nas unidades de competencia correspondentes.

O asesor ou asesora, contrastando os contidos do cuestionario de autoavaliación e do historial profesional e formativo do candidato, realizará senllos informes orientativos, destinados aos candidatos e á comisión de avaliación, indicando en cada unha das unidades de competencia se considera que hai ou non evidencias suficientes da competencia do candidato e, en consecuencia, informándoo da conveniencia de pasar á fase de avaliación ou ben continuar coa formación, caso en que lle indicará ao candidato a formación complementaria que debería realizar, así como os centros onde se oferta.

Estes informes son orientativos e non vinculantes, polo que o candidato poderá decidir pasar á fase de avaliación presentando a solicitude de avaliación nas unidades de competencia que estime oportuno.

 

2.- FASE DE AVALIACIÓN

A avaliación correrá a cargo dunha comisión de avaliación, constituída como mínimo por cinco expertos, profesionais ou docentes, nas correspondentes unidades de competencia.

A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que se inscriba o candidato, terá por obxecto comprobar se o candidato demostra o desempeño, aos niveis requiridos na produción e no emprego, isto é, se demostra a competencia profesional requirida en cada unidade de competencia (realizacións profesionais, criterios de realizacións, contexto profesional).

A avaliación da competencia profesional consiste basicamente na acumulación de probas ou evidencias suficientes da competencia do candidato. Estas evidencias poderán ser indirectas: historial profesional e formativo, ou directas: probas de avaliación.

Pero, como norma xeral, a avaliación non se baseará só en evidencias indirectas, senón que deberá ser completada con evidencias directas a través de distintos métodos e actividades de avaliación. Estes métodos poderán ser: entrevistas profesionais, simulacións, probas de competencia, observación no posto de traballo ou calquera outro método especificado nas guías de avaliación.

Así pois, o proceso de avaliación iníciase por parte da comisión de avaliación coa análise do informe do asesor e demais documentación xerada na fase de asesoramento.

Esta comisión de avaliación elaborará, para cada candidato, un plan individualizado de avaliación, que se acordará co candidato e no que se recollerán os métodos e actividades de avaliación, así como os lugares e datas previstas.

Tras a realización das actividades de avaliación, os resultados expresaranse en termos de competencia demostrada ou competencia non demostrada.

Estes resultados publicaranse, de forma confidencial, nas páxinas web das consellerías de Traballo e Benestar  e/ou Educación e Ordenación Universitaria, e comunicaráselles por escrito aos candidatos, informando tamén sobre os requisitos e oportunidades para obter un certificado de profesionalidade ou un título de formación profesional.

Nas unidades de competencia en que o candidato non obtivese unha avaliación positiva, proporcionaráselle ao candidato un plan de formación, indicando a formación que debería realizar e os centros onde cursala.

 

3.- FASE DE ACREDITACIÓN

Ás persoas candidatas que superen o proceso de avaliación, as consellerías de Educación e Traballo expediranlles unha acreditación de unidades de competencia, que terá carácter oficial e validez en todo o Estado.

Esta acreditación terá os efectos de acreditación parcial acumulable, e terá efectos de exención dos correspondentes módulos dos certificados de profesionalidade da FP para o emprego e validación dos módulos de títulos da FP Inicial.

Cando a persoa complete todas as unidades correspondentes a un certificado de profesionalidade, poderá solicitar este, e cando a persoa complete todas as unidades correspondentes a un título de FP, poderá solicitar este, sempre e cando ademais cumpra os requisitos de acceso (ESO para a FP de grao medio e bacharelato para a FP de grao superior) e complete os módulos que lle falten para completar o título (Ex. FOL, FCT, empresa e iniciativa emprendedora, etc.).

Esquema do procedemento

REXP: Recoñecemento da Experiencia Profesional