Consellería de Economía, Emprego e Industria Conselleria de Economía, Emprego e Industria

Inicio > Portada > Consellería > Recursos > Trámites

Tramites

[ Dirección Xeral de Promoción e Emprego ]

TR356B - PROCEDEMENTO DE CUALIFICACIÓN DAS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL E A ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO SEU REXISTRO ADMINISTRATIVO.

  • Corpo:
    Obxecto:

    Regular o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral na Comunidade Autónoma de Galicia así como establecer e determinar a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. Esta orde será de aplicación ás empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

    Concepto de empresa de inserción laboral:

    As estruturas produtivas de bens ou servizos que teñan por finalidade básica do seu obxecto social a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento precisos para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral común, sempre que reúnan as requisitos previstos no artigo 4º do Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

    Os requisitos para a cualificación como empresa de inserción laboral son os seguintes:

    • Proporcionar ás traballadoras e traballadores, en proceso de inserción, medidas personalizadas de apoio.
    • Ser promovidas e participadas por unha ou varias entidades promotoras. A estes efectos teñen a consideración de entidades promotoras as entidades ou corporacións de dereito público e as entidades sen ánimo de lucro e  fundacións cun obxecto social que inclúa a inserción laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social que promovan a constitución de empresas de inserción. Esta participación debe ser polo menos do 51% do capital social, en caso de sociedades mercantís, dun 49% en caso de sociedades laborais e dun tercio do capital social en caso de sociedades cooperativas.
    • Manter en cómputo anual un mínimo do 30% de traballadores/as en proceso de inserción con respeto ao total do cadro de persoal.
    • Non ter vinculados os balances, as contas de resultados e o patrimonio a actividades económicas distintas das do obxecto social.
    • Aplicar o 100% dos resultados ou dos excedentes dispoñibles obtidos en cada exercicio económico á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción, ou a programas de inserción sociolaboral das entidades promotoras.
    Cualificación e rexistro:

    Poderán ser cualificadas como empresas de inserción laboral:

    • As sociedades mercantís, sociedades laborais, sociedades cooperativas ou calquera tipo de organización societaria civil ou mercantil legalmente constituída.
    • As entidades sen ánimo de lucro que no período fixado na correspondente disposición transitoria se adecuen a esta norma e sexan inscritas neste rexistro.

    As solicitudes de cualificación como EIL dirixiranse ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, e presentaranse en modelo normalizado, acompañando a seguinte documentación:

    • Denominación social da entidade solicitante.
    • DNI da persoa promotora e, de ser o caso, poder para actuar en nome da persoa xurídica que representa.
    • Memoria que acredite a viabilidade económica, técnica e financeira do proxecto empresarial.
    • CIF, escritura de constitución e estatutos das persoas xurídicas que participen no capital social da empresa
    • CIF, escritura de constitución e estatutos da empresa obxecto de cualificación.
    • DNI do representante legal da empresa e documentación acreditativa da representación coa que actúa.
    • Relación de traballadores en situación de alta no cadro de persoal.

    A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación como Empresa de Inserción Laboral (EIL), corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.

    O prazo para resolver será de 6 meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de cualificación.

    Na Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, levarase un rexistro administrativo de EIL, no que se inscribirán as empresas cualificadas como EIL.

    A inscrición no rexistro administrativo farase de oficio, facéndose constar, como mínimo, a seguinte documentación:

    • Número de rexistro que se lle asigna.
    • Denominación da empresa,con indicación da súa forma xurídica
    • Obxecto social.
    • Actividade económica.
    • Domicilio social.
    • Domicilio do centro ou centros de traballo con que conta a empresa en Galicia.
    • Capital social.
    Axudas e subvencións:

    As empresas cualificadas como Empresas de Inserción Laboral poderán acollerse ás liñas de axudas e subvencións que estableza a Consellería de Traballo, de acordo cos requisitos, condicións e prazos que se establezan para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

    As actuacións subvencionables serán:
    • Contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social.
    • Contratación de xerentes ou técnicos necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción.
    • Contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción.
    • Realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.
    • Formalización de préstamos con entidades financeiras.
    • Creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.
       
    Normativa reguladora:

    Orde do 6 de maio de 2008,pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. (DOG. nº 92 do 14 de maio de 2008).